Con máis de 40 espectáculos ás súas costas e unha traxectoria marcada pola potencia física, a irreverencia escénica e a honestidade artística, Sol Picó propón un taller intensivo que vai máis aló da técnica: unha inmersión no corpo como fonte inesgotable de creación.
O seu traballo concíbese como un espazo de investigación e adestramento, físico e emocional, onde cada participante poderá explorar a súa propia potencia expresiva desde a súa singularidade. A partir dunha metodoloxía híbrida que combina danza contemporánea, técnicas corporais como o Chi Kung ou o ioga, teatro físico e improvisación, o traballo céntrase en activar o corpo, agudizar a presenza escénica e desatar a creatividade.




















